Son moitos os cambios que se producen na Natureza coa chegada desta estación.
As familias que contades con horta ou xardín poderedes comprobar como nalgunhas árbores comezan a agromar follas novas e tamén flores. Os que non, quizais podedes escoitar cantar algún paxariño desde as vosas fiestras.
Se algo caracteriza esta estación é o canto das aves e a explosión de cores pola cantidade de flores que comezan a aparecer. Os días son máis longos e cando están soleados xa se percibe a caloriña do sol. Ademais son moitos os bichiños que comezan a saír: formigas, bolboretas, escarabellos, abellas,...
As profes queremos facervos unha proposta ás familias. Que vos parece se nos enviades fotos ao noso correo electrónico de cómo se vé a primavera desde as vosas casas, hortas e xardíns?A dirección é a seguinte: infantilricardotobio@gmail.com. As que recibamos publicarémolas no blog para compartilas.
A profe Canucha, para animarnos coa proposta envíanos esta foto da súa cerdeira na que xa comezan a aparecer flores.
A profe Sela tamén nos propón unha adiviña.
CANDO CHEGA O BO TEMPO
ENCHO TODOS OS CAMPOS
COA MIÑA CARA AMARELA
E O MEU BABEIRO BRANCO
Sabedes a resposta? Podedes escribila nun comentario a esta entrada do blog.
E que vos parece unha manualidade? Aquí van unhas ideas sinxelas.
E por suposto, non debemos perder a oportunidade para escoitar música e cantar. Así que vos deixamos un par de cancións sobre a chegada desta estación.
E como tampouco nos esquecemos dos clásicos, velaquí a Primavera de Vivaldi con imaxes da estación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario