Todos os anos no noso cole se convoca o certame de contos Mestre Agrelo e se convida ao alumnado a que cree o seu propio conto.
Desta vez, debido á excepcional situación que estamos a vivir, esta convocatoria faise inviable. Non obstante, desde o equipo de biblioteca convídase a que os nenos e nenas escriban os seus contos para publicalos no blog.
Nas aulas de infantil tamén se traballa este tipo de texto, e neste terceiro trimestre estaba previsto facelo a través da creación de contos individuais ou conxuntos na aula.
Por iso queremos darvos uns consellos para que poidades crear os vosos propios contos na casa. Lembrade que o autor do conto non ten por que ser o escribinte, así que os peques poden inventar a historia e os adultos podedes encargarvos de escribila.
Antes de comezar podemos analizar algún conto coñecido, porque pode servirnos de modelo para crear o noso conto.
-Como comeza?
-Quen é o protagonista?
-Donde acontece?
-Que lle ocorre?
-Como se soluciona?
-Como remata?
Os contos adoitan ter fórmulas fixas de inicio ou final que podedes empregar:
-Había unha vez
-Nos tempos de María Castaña
-Nun lugar moi lonxano
-E colorín colorado este conto está rematado
-E foron felices e comeron perdices
-E como di Fermín, este conto chegou ao seu fin
-E os contos lévaos o vento
Nun conto hai tres partes ben diferenciadas:
– Introdución: Sitúase a acción nun lugar e tempo e aparecen algúns personaxes.– Nó: Sucede algo ou plantéxase un problema que hai que resolver.
– Desenlace: Resólvese o problema. Os contos case sempre teñen un final feliz, pero non ten por que ser así.
Lembrade que os contos, e sobre todo os que inventan os nenos e nenas de infantil poden ser moi curtiños e moi disparatados. Para axudar a crear a trama do conto podedes comezar por escoller un personaxe protagonista, preguntarvos qué lle pasa, cal é o seu problema e cómo pode solucionalo ou quen lle axuda.
Animádesvos a escribir os vosos contos e enviárnolos?
Podedes facelo a través dunha foto, dun video lendo o voso conto, dun documento de word ou pdf,...e enviarllo a cada titora ou ao noso correo electrónico.
E...por se vos falla a inspiración, na seguinte publicación que fagamos imos darvos ideas para xogar a compoñer contos
No hay comentarios:
Publicar un comentario