sábado, 25 de abril de 2020

CONSELLOS PARA SAÍR Á RÚA TRAS O CONFINAMENTO

Ola familias!
A partir deste domingo os nenos e nenas poderán volver saír á rúa.
Saír é necesario, sobre todo para as familias que viven nun piso e non contan cunha horta ou un xardín onde poder estar ao aire libre.
Pero nesas saídas hai certas normas que cumprir e a nós tamén nos gustaría darvos algún consello ao respecto.

ANTES DA SAÍDA
-É preciso informar de como faremos a saída e por que debemos facela dese xeito. Poderemos correr, saltar, pero non poderemos ir ao parque e só poderemos estar fóra durante unha hora.
-Explicar os cambios que poden atopar na rúa (xente con máscara, parques pechados,...).
-Informar sobre as normas de distanciamento social.
-Podemos facer un pequeno ensaio ou simulación na casa e volver a repasar as normas antes de saír.
-Para saír á rúa dun xeito máis calmado pode ser unha boa idea cansar ao peque antes de saír: correndo, saltando, e logo relaxarse pintando ou cun pouco de música. Desta forma a actitude de saída pode ser máis tranquila.

DURANTE A SAÍDA
-É importante que os adultos manteñamos a calma, do contrario o noso nerviosismo transmitirase ao neno/a e pode estar máis revoltoso, inquedo, angustiado,...
-Non asustarnos se tocan algo. Os peques adoitan tocar todo e lévanse máis as mans á cara con frecuencia. Por iso, unha boa idea é levar xel hixienizante de mans ou unha botella con auga e xabón para ir limpándoo.
-Manter a distancia con outras persoas con calma e sen alarmarse.
-Non enfadarnos, gritar ou ameazar. Debemos guiar e acompañar este momento tendo en conta as súas emocións e as nosas. É importante non xerar estrés que poida crear medo a saír á rúa ou achegarse a outras persoas.
-Anticipar que se aproxima o momento de chegar a casa, uns dez minutos antes, por exemplo, para que o peque vaia asimiliando que se debe regresar.

DESPOIS DA SAÍDA
-Falar co neno/a de cómo se sentiu durante a saída.
-Recoñecer o que fixo ben.
-Recordar as normas.
-Falar da experiencia en positivo.
-Ter en conta as cousas que se poden mellorar na próxima saída.
-Contarlles o que máis nos gustou da saída.
-Se vos animades tamén podedes facer un debuxo que recolla o experiencia. E por suposto podedes enviarnos fotos para mostrarlle aos compañeiros.

Se os peques non queren saír non é preciso forzalos, debemos darlle tempo e respectar a súa decisión, pospoñendo este momento ata que se sintan máis seguros grazas ao apoio que lle vaiamos dando.
Tamén é aconsellable preparar o percorrido a realizar. Por exemplo, se pensamos que ao pasar por diante do parque algún peque pode ter unha perrencha porque quere ir xogar alí, podemos elixir un percorrido distinto.

Agardamos que estes pequenos consellos vos axuden a disfrutar das vosas saídas!

O OSO GOLOSO E OS SEUS CONSELLOS PARA SAÍR A RÚA

https://www.boe.es/buscar/act.php?id=BOE-A-2020-4665

No hay comentarios:

Publicar un comentario